martes, 4 de enero de 2011

Letras Galegas 2011: Lois Pereiro

Rematou o 2010, ano de Novoneyra e comeza o 2011 o ano no que Galiza lembra a figura doutro poeta lugués, Lois Pereiro. Dende Medrar en Galego queremos ir facéndonos eco da figura deste escritor dende o primeiro día, e como entrantes e a agarda do material que se vaia editando ao longo do ano, sobre todo para o traballo nas aulas, imos comezar coa súa biografía (extraída da Praza das Letras) e unha probas do documental que, sobre a súa figura, realizaron Iago Martínez e Alex Cancelo.
Lois Pereiro
1958, Monforte de Lemos - 1996, A Coruña
Poeta, xornalista
A imaxe de Lois Pereiro é reflexo da súa actitude fronte a vida: esgazada, crúa e espida coma os seus versos. Estes elementos determinaron o mito marxinal e cosmopolita que o poeta personifica. A autodestrución, a desolación, a morte, son os temas predominantes na súa poesía. Da aniquilación á nostalxia foi o camiño literario que andou, deixando unha pegada cada vez máis fonda en lectores cada vez máis novos.
Lois Pereiro nace en Monforte en 1958. Realiza estudos de tradución en Madrid, cidade á que marcharía co seu irmán Xosé Manuel con só dezasete anos. Alí mantense economicamente vertendo ao castelán filmes e series para a televisión.
Pero en Madrid vai estar vencellado, por amizade e por proxectos comúns, ao grupo que formaba con Manolo Rivas, Antón Patiño ou Xavier Seoane. Co esforzo de todos, naceron as publicacións de pulo innovador, e agora xa míticas, Loia ou Luces de Galiza.
Porén, os riscos asumidos na vida madrileña de principios dos oitenta fixeron que Lois determinase o seu regreso á Coruña, onde se manteñen os nexos con aqueles que constituían o grupo de Madrid, e, de novo aquí, vivirá fundamentalmente do xornalismo. Iso si, no eido poético participa na publicación colectiva De amor e desamor e integrarase, durante 1984 e 1985, no colectivo de mesmo nome. Este feito permite que o público comece a coñecer a súa obra e a valore con compracencia.
Gaña o Concurso Nacional de Poesía O Facho: todas as súas creacións poéticas, espalladas en antoloxías ou publicacións colectivas, reúnense en Poemas. 1981/1991, en 1992. O seu primeiro libro publicado reflicte xa unha tendencia etiquetada como punk, moi presente na súa vida. As razóns para esta clasificación son, a saber, unha actitude certamente existencialista, de sarcasmo esmagador e corrosivo, un xogo de chiscadelas á autodestrución e á morte. No entanto, as súas influencias semellan ben sofisticadas. Prioritariamente chéganlle do centro de Europa, do expresionismo austro-alemán, de Thomas Bernhard, Peter Handke ou de Carver. Pero non hai que esquecer que Valente é referente fundamental nos seus primeiros pasos: ao seu abeiro nace como poeta.
En 1995 aparece a Poesía última de amor e enfermidade. Con só dous libros publicados xa define un estilo literario curto e tenso, cualificado como de economía expresiva: non se excede en recursos formais, emprega abundantemente o establecemento dicotómico de realidades elementais (amor/desamor, vida/morte). Neste derradeiro libro, en vida, de Lois, que foi reeditado nos últimos tempos, atópase un novo xeito de entender a existencia: para aprehendela en profundidade é necesario ter conciencia da morte. Isto pode ter unha interpretación vitalista que encaixaría coa ríxida etiqueta de poeta maldito, ao entender que esta postura fronte á vida nace da súa propia experiencia, que se mergulla na liña que a separa da morte.
Lois Pereiro morre pouco despois, en 1996. Nese ano do seu finamento, o seu irmán, Xosé Manuel, fai que saia á luz Poemas para unha Loia, constituído a partir de composicións da época madrileña, xa publicadas naquela revista Loia, e dun ensaio: "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia". Nel expón moitas das súas ideas e conviccións sociais e políticas, ofrecendo unha panorámica que inclúe unha chea de referencias directas a escritores, filósofos ou políticos dos que bebe.
Ademais, deixou oito capítulos dunha novela inacabada, Náufragos do paradiso, publicados naquela revista que fora dirixida por Manolo Rivas, Luces de Galiza.
Pero Lois Pereiro tamén lle puxera letras ás melodías do grupo punk Radio Océano, que o seu irmán lideraba. Porque o esforzo de Lois estivo canalizado cara á contracultura, na que militaba con vehemencia. E así, as súas verbas tamén se debuxan en fancines ou en escollidos guións.
Esta condición de outsider provoca a reticencia dos académicos á hora de dedicarlle o Día das Letras Galegas, pasados xa máis de dez anos da súa morte, a pesar de que a súa obra é cada vez máis valorada polos lectores e máis considerada pola crítica.
Finalmente, o 26 de xuño de 2010 a RAG publicou a súa decisión de adicarlle o Día das Letras Galegas do 2011. A Academia apreciou:
evidentes pegadas expresionistas, referencias á literatura xermánica e certos trazos de contracultura [...] unha imaxe e unha estética que fixeron del un autor de culto. Cartografou coma ninguén o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo."
En palabras do escritor e membro da RAG Manuel Rivas:
Adicarlle a Lois o Día das Letras 2011 foi unha decisión valente da Academia, porque é un autor de culto, pero en canto se difunda a súa obra será un autor moi popular".

O corredor de fondo perde o alento

Fuxindo dunha vida inzada de renuncias
da súa liturxia obesa e oleosa,
mediocre nos seus comunais fracasos,
bágoas de xelo, indignación contida

non deu chegado a tempo de exercer
a súa rebelión,
nin de levar a cabo
a súa vinganza definitiva

contra un mundo inxusto, homicida, e cruel,
pola inutilidade da súa propia vida
solitario, enfermo e fatigado,
a morte anticipouse e chegou antes.


outono 95
De "poesía última de amor e enfermidade 1992-1995" de Lois Pereiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario