martes, 18 de enero de 2011
O Noso Ouro.
O noso ouro
Miguel-Anxo Murado, xornalista, guionista e escritor
A lingua é un ser vivo, escriben os poetas. Pero isto é algo máis ca unha metáfora. A lingua é, certo, un “ser” (e tamén un “estar”, e un “ir” e “vir”), e está viva de veras. É útil pensar nela coma unha especie máis do Planeta: naceu pouco despois que o home, e entre estas dúas especies estableceuse axiña unha simbiose que dura ata hoxe. A lingua precisaba do ser humano para expresarse, o ser humano necesitaba na lingua para “ser” humano, para pensar, para expresar o seu pensamento.
Por iso é tan absurdo falar das linguas en termos conflitivos. Cada lingua é como unha especie de planta ou de árbore ou de bicho: unha necesidade da natureza. E o galego é, en concreto, unha necesidade dos galegos. Foi o que os creou como tales e é, á vez, o produto da nosa identidade, dun intercambio de mil anos. Unha lingua é un consenso secreto, azaroso, initencionado, e o galego é o consenso da cultura galega, o mapa que permite lela, a cifra na que está escrita a súa paisaxe, o seu tempo e a súa mente. Certo que os galegos tamén participaron no consenso do español, como no do portugués, pero esoutras linguas non precisan dos galegos. Son ferramentas que podemos utilizar, mais o galego é outra cousa. O azar e a erosión do tempo outorgounos a custodia deste ben e, xustamente porque é un ben escaso, é máis valioso. É curioso pensar que os romanos abriron a terra en Galicia hai dous mil anos buscando ouro e prata, e carretárona ata esgotala. Mais, a cambio daquela riqueza perdida sementaron outra que a substituíu: é o galego, unha das aventuras do que foi o latín, sumado a mil anos de conversas entre cada un dos habitantes de Galicia. ¿Que pode haber de máis valioso? É o noso ouro.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario