O informe PISA é o mellor indicador internacional de cualidade dos sistemas educativos, xa que se aplica aos trinta e tres Estados membros da OCDE e a un número crecente de países asociados. Así, na edición de 2009 cuxos resultados veñen de publicarse, a proba foi realizada nun total de 65 Estados. No referente a España, foron avaliados 27.000 alumnos de 910 centros de ensino diferentes (en Galiza, 1.585 estudantes de 54 centros), repartidos nas 14 comunidades autónomas participantes: estas cifras mostran ben ás claras que as conclusións extraíbles dos datos proporcionados polo informe teñen un elevado grao de fiabilidade.
Antes de entrar na descrición e análise dos datos, dúas advertencias metodolóxicas: (i) as medias atribuídas aos Estados, como é o caso de España, oscilan dentro dunha marxe de confianza de ±4 puntos, mentres que as das comunidades autónomas é de ±8 puntos; (ii) na análise comparativa dentro do Estado español, debe terse en conta a menor representatividade da mostra nas comunidades autónomas uniprovinciais menos poboadas e nas cidades autónomas.
* * * * *
Despois dunha lectura completa do informe de 2009 e da comparación cos datos de 2006, pódense establecer as seguintes conclusións sobre a educación en Galiza.
I. UN PAÍS Á ALTURA DE EUROPA E DO MUNDO
O sistema educativo galego presenta uns resultados medios homologables aos do conxunto da OCDE e lixeiramente superiores á media española, mais aínda está lonxe dos resultados obtidos polos países e territorios punteiros, agrupados no norte da Europa e no sudeste asiático.
O feito de estar á par da OCDE e por riba da media española é un bo punto de partida, sobre todo tendo en conta o diferencial negativo do noso país en termos de desenvolvemento económico e de cobertura social a respecto do noso entorno. Porén, para atinxir un ensino á altura dos mellores, é necesario realizar profundas mudanzas. É bo lembrar que, mesmo coa hispánica tradición de partidarizar as discusións sobre as reformas educativas, o Goberno galego posúe un grao de autonomía en aspectos esenciais como o establecemento do currículo que pode e debe ser empregado para modernizar o sistema educativo.
II. RESULTADOS E LINGUA VEHICULAR
A comparación dos resultados en Galiza entre 2006 e 2009 mostra unha estabilidade case total: a única novidade significativa ocorre na comprensión lectora, onde se rexistra un incremento de 7 puntos, desde os 479 aos 486, no límite superior da marxe de confianza; polo contrario, o descenso en matemáticas, de 5 puntos (de 494 a 489), ben como o ascenso en ciencias, de 1 punto (de 505 a 506), son estatisticamente irrelevantes. Isto significa que o desempeño dos escolares non variou en virtude das modificacións impulsadas polo anterior Goberno galego, notadamente no relativo a unha maior presenza do galego como lingua vehicular do ensino. Tanto é así, que os resultados dos estudantes galegos son superiores á media española en todas as tres áreas de coñecemento: no referente ás áreas de lectura e matemática, dentro das marxes de confianza; e en ciencias, de xeito rotundo.
Unha vez máis, non semella que o monolingüismo sexa unha boa receita para o éxito académico. De feito, todas as comunidades autónomas cun ensino bilingüe teñen unha media na comprensión lectora en español superior á media estatal, coa única excepción das Illas Baleares (vaia no seu descargo que esta foi a primeira participación no informe PISA); e, curiosamente, o mesmiño acontece nos ámbitos matemático e científico.
O incremento da presenza do galego como lingua vehicular do ensino tivo un impacto positivo na comprensión lectora en español e non repercutiu sobre os resultados en matemáticas, materia que daquela era impartida en galego. Fica unha vez máis comprobado, de xeito empírico, que o fomento do galego non vai en detrimento da competencia en español nin do desempeño científico dos alumnos e alumnas.
Por último, outro mito que se derruba: o ensino en galego non é un obstáculo para os estudantes inmigrantes, como se demonstra no feito de que sexan os que obteñen unha das mellores notas do Estado, con 10 puntos de vantaxe sobre a media.
III. SISTEMA EDUCATIVO E XUSTIZA SOCIAL
Como é ben sabido, Galiza ten, dentro do Estado español, un índice sociocultural e económico dos máis distantes da media da OCDE, como se pode comprobar neste gráfico:
Partindo desa realidade, é fundamental que o ensino cumpra unha función igualadora e democratizadora. Nese sentido, podemos parabenizarnos por ser o galego o sistema educativo máis equitativo de todo o Estado en termos sociais, grazas a que a proporción entre as diferenzas de rendemento académico e as distancias sociais de partida é excepcionalmente baixa:
Aínda máis: Galiza é unha das comunidades nas cales a varianza é menor entre os centros participantes. Resumido en números: de cada 4 puntos de diferenza, en media 3 dependen do nivel individual de cada estudante e só 1 da extracción social e/ou do centro de estudos. Se ben é certo que o Estado español posúe un dos sistemas educativos máis equitativos do mundo, non o é menos que esa característica é especialmente preminente no caso galego -unha característica que debemos preservar fronte a tentativas de privatización.
IV. OS MÉRITOS DO ENSINO PÚBLICO GALEGO
En Galiza, como no resto do Estado español, as notas dos centros de ensino públicos son inferiores ás obtidas polos centros privados. Algo perfectamente comprensible dada a selección económica e sociocultural exercida polos segundos, ben como a renuncia a manter alumnos repetidores, circusntancias que os centros públicos -pola súa propia natureza- non se poden permitir.
Pois ben, a nosa é unha das comunidades que presenta unha menor distancia entre os resultados dos centros públicos e os dos privados.
O diferencial positivo de Galiza a respecto da media española é mérito do ensino público, que colleita resultados superiores en 10 puntos á media estatal dese sector en lectura e matemática, e de 23 puntos en ciencias.
Porén, os centros privados galegos están levemente por debaixo da media estatal en lectura e matemática, e superan escasamente esa mesma media en ciencias.
V. O DIFERENCIAL GALEGO EN CIFRAS
O diferencial positivo de Galiza a respecto da media estatal non se reflecte só nas medias globais anteriormente ofrecidas, senón tamén nunha menor diferenza entre as porcentaxes de excelencia e deficiencia dos estudantes en todas as áreas consideradas.
Diferencial excelencia vs. deficiencia
Lectura. Galiza: excelencia 3%, deficiencia 5%. España: excelencia 3%, deficiencia 6%. Galiza: -2, España -3.
Diferencial galego: +1.
Matemática. Galiza: excelencia 7%, deficiencia 20%. España: excelencia 8%, deficiencia 24%. Galiza: -13, España -16.
Diferencial galego: +3.
Ciencias. Galiza: excelencia 5%, deficiencia 13%. España: excelencia 4%, deficiencia 19%. Galiza: -8, España -13.
Diferencial galego: +5.
Diferencial global e de inclusión de repetidores
Vale lembrar que a proba PISA é respondida por alumnos e alumnas de 15 anos, independentemente do nivel educativo que estexan a cursar, polo que unha elevada porcentaxe de repetidores -en Galiza é do 37%, por volta da media estatal- é unha desvantaxe competitiva.
As cifras globais e por cursos na proba de lectura (área destacada nesta edición) son as seguintes:
Galiza: media global 486 - media 4º ESO 524 - media 3º ESO 441 - media 2º ESO 375.
España: media global 481 - media 4º ESO 518 - media 3º ESO 435 - media 2º ESO 371.
Diferencial galego: +5 global, +5 repetidores.
* * * * *
En fin, Galiza aproba -mentres España suspende- mais aínda ten moito campo para mellorar; iso si, a mellora debe facerse mantendo os trazos positivos do noso sistema educativo, nomeadamente no que se refere ao carácter público, inclusivo e democratizador do ensino. E ao tempo, fomentando unha galeguización sen receos, pois os feitos demonstran que os resultados non se resenten por iso, senón que máis ben o agradecen.
No hay comentarios:
Publicar un comentario